A estas alturas aínda non temos todo listo para o inicio do novo curso, parecera que a COVID ralentizase a algunha xente ou impedira a toma de decisións.
Escudados en protocolos varios, botan o balón duns a outros, ao modo que fan certas administracións.
O certo é que imposible unha actividade absolutamente segura, haxa ou non virus por medio. Tentaremos facer unha actividade onde a maioría sintase cómoda e acepte o nivel de risco. Pero sempre algúns percibirán risco (a enquisa do CIS da semana pasada dicia que a metade da poboación é partidaria de endurecer as medidas preventivas).
Pensamos publicar este mércores algunhas das nosas propostas online e presenciais e deixamos unhas poucas horas por se alguén quere facer unha suxerencia, sexa por algo que ten pensado, sexa por algo que se lle ocurra tras leer estas liñas.
* A antiga cafetaría do CUR non reune o mínimo para facer actividades alí, xa que non hai ventilación. Sobre o resto do edificio hai moita presión de uso xa que mesmo están a darse clases de facultades que non teñen espazo nos seus respectivos edificios. Loxicamente asumimos que primeiro vai a docencia universitaria que a actividade de xadrez.
* Sobre espazos alternativos que temos usado, a Normal este curso non vai acoller actividades presenciais da Universidade Senior, polo que parece lóxico que non se farán os grupos que tíñamos alí, e mesmo o colexio que está no mesmo edificio suspendeu todas as extraescolares ata o mes de xaneiro. No caso do Sporting Club Casino, agora para entrar na rúa Real é necesario contar co carnet de socio.
* A Escola está en ERTE dende marzo e para sair do ERTE habería que ter a carga de traballo que o permita, cousa que agora non acontece. Moitos colexios aínda non comentaron nada da súa actividade extraescolar e outros fixerono para comunicar a súa cancelación.
* Por outra banda aínda que practicamente houbera a mesma actividade xa hai pais que comentaron a súa inquedanza polo feito de que os monitores asistan a varios centros. Hector por exemplo o ano pasado iba a sete centros distintos a dar clases.
Así que estamos diante dunha nova situación na que temos perdido a actividade de Xadrez Senior e Xadrez e Alzheimer e boa parte da actividade dos colexios, polo que posiblemente a liña de actuación no curso 2020-2021 sexa a de fomentar as clases online (mañán anunciaremos o noso modelo) e no presencial facer poucos grupos, con pouca xente e de maior duración. Prácticamente non hai ningunha posibilidade de que continuen este ano os grupos típicos do noso club dunha hora á semana. Unha vez usada a sala quedaría inutilizable e non compensa por unha soa hora.
Calquera idea será ben valorada. En calquera caso este mércores publicaremos as propostas que temos argallado para empezar en outubro.
As fotos corresponden ao Campionato de España de Segunda División onde houbo un brote, a asemblea da Federación Española e da Liga Portuguesa (as dúas últimas da pasada fin de semana). Parece que algúns toman a cousa con mais lóxica ou seriedade que outros.