25/11/20

XADREZ XXX ANIVERSARIO

O XXX Torneo Universitario de Xadrez estaba programado para o pasado mes de marzo, pero loxicamente tivo que ser aprazado e agora convocamos esta actividade xadrecistica presencial. Queremos ir recuperando a actividade, como pasou no online da semana pasada que contou con 26 participantes.

Xadrez do XXX Aniversario é unha actividade de práctica presencial de xadrez a desenvolver do 9 de decembro ao 22 de decembro. Cada xogador disputará partidas un máximo de 5 días en función do número de inscritos e o sistema resultante, resumido na parte baixa.

Participantes: Poderán participar nesta proba os alumnos, os PAS e os PDI da Universidade da Coruña.

Modalidade: Pola situación actual marcaranse partidas entre os participantes nun sistema que variará para adaptarse a un máximo de 6 xogadores cada día na sala de xogo.

Haberá un grupo de whatsapp para informar das roldas, especialmente no caso de ter que recurrir a un modelo de eliminatorias.

Ritmo de xogo: 15 minutos + 3 segundos de incremento.

Lugar: Centro Universitario de Riazor. Planta Baixa. Sala na que só coincidrán 6 xogadores cada día e con ventilación axeitada.

Horario: 20,00 (Poderá haber certa flexibilidade horaria en caso de solicitude xustificada)

Premios: O mellor desta actividade recibirá un trofeo. Ademais os 10 primeiros clasificados recibirán un vale dunha pizza mediana do noso colaborador Pizza Movil.

Máximo de inscritos: Estimamos que os xogadores que finalmente se animen non serán tantos, pero queda estabrecido un máximo de participantes de 24.

Inscricións: A inscrición é de balde e debe realizarse nesta ligazón 
Os inscritos autorizan a publicación das fotos realizadas no Torneo e das listaxes de clasificacións parciais e finais.

Arbitraxe e dirección do torneo: O árbitro da proba será Brais Casas, arbitro titulado da Federación Galega e presidente no curso pasado de INCUDE. Será asistido e complementarán o Comité do Torneo Ernesto Pérez, coordinador de xadrez e arbitro titulado e Pablo Furelos, presidente actual de INCUDE.

ASPECTOS ESPECIAIS POLA COVID

Será de aplicación a normativa de prevención antiCOVID da UDC e o protocolo de adestramento da Federación Galega de Xadrez. As seguintes normas tamén serán de aplicación en tanto complementan algunhas das anteriores e non as limitan. 

1. É obrigatorio levar posta unha máscara en todo momento. Non estará permitido comer ou beber na sala de xogo. INCUDE entregará ademais unha máscara a tódolos participantes e un "salvaorellas".

2. É obrigatorio o uso do xel na entrada do edificio e de novo na entrada da sala de xogo. Así mesmo deberá usarse sempre que as mans entren en contacto con superficies non desinfectadas e especialmente tras tocar as pezas manipuladas anteriormente polo rival (no caso das capturas). INCUDE facilitará un pequeno frasco de xel a cada xogador.

3. Tamén será obrigatorio o uso da alfombra desinfectante que se coloque á entrada sa Sala de Xogo.

4. A sala estará permanentemente ventilada, coas portas e ventás abertas do xeito que se considere oportuno para a renovación do aire.

5. Os xogadores non permanecerán na sala de xogo mais tempo do necesario para xogar a partida. Polo tanto non haberá análise posterior. Tampouco poderán pasear pola sala.

6. Os xogadores non deberán darse a man ao inicio ou fin da partida. 

7. Antes de entrar na sala medirase a temperatura dos participantes.

8. Os aspectos aqui expostos poden verse complementados, antes e durante o torneo co fin de garantir na medida do posible unha actividade segura.

Anexo. Estrutura do torneo segundo número de asistentes:

Até 6 xogadores:
Liga a unha volta.
Días de xogo: 9, 11, 14, 16 e 18

7 ou 8 xogadores:
Eliminatoria os días 9 e 11 (un dos dous días)
Liga entre clasificados 14, 16 e 18

De 9 a 13 xogadores:
Sistema suízo a cinco roldas. Cada rolda disputarase en dous días. 
Primeira Rolda: 9 ou 10
Segunda Rolda: 11 ou 14
Terceira Rolda: 15 ou 16
Cuarta Rolda: 17 ou 18
Quinta Rolda: 21 ou 22

De 14 a 21 xogadores:
Primeiras eliminatorias os días 9, 10 e 11 (un dos tres días)
Segundas eliminatorias os días 14 e 15 (un dos dous días)
Terceiras eliminatorias o día 16
Semifinais o día 17
Final o día 18

22, 23 ou 24 xogadores:
Primeiras eliminatorias os días 9, 10, 11 e 14 (un dos catro días)
Segundas eliminatorias os días 15 e 16 (un dos dous días)
Terceiras eliminatorias o día 17
Semifinais o día 18
Final o día 21

24/11/20

BOA PARTICIPACION NO XXVIII LOSTREGO

Coa situación actual non éramos moi optimistas coa celebración do XXVIII Torneo Lóstrego, que este ano tivemos que facer en chess.com

Ao final foi un éxito con 27 inscritos, ainda que xogaron 26 persoas.


O campión foi Rodrigo Pena, estudante de socioloxia e directivo de INCUDE. O segundo posto foi para o PAS Roberto Serrano, xogador do noso equipo federado e no terceiro posto Mauro Rivas, estudante de Ciencias.

Resultados completos en: https://www.chess.com/tournament/live/universitario-lostrego-1723143

Torneo do vindeiro venres día 29 ás 21,30: https://www.chess.com/play/tournament/1788316



17/11/20

XXVIII TORNEO UNIVERSITARIO DE XADREZ LÓSTREGO

Este 2020 está a ser un ano extrano, pero en condicións normais xa teríamos celebrado o XXVIII Torneo de Xadrez Lóstrego.

Pero como non queremos rematar o ano sen realizar este torneos, procedemos a súa convocatoria, se ben será en formato de torneo online.

XXVIII TORNEO UNIVERSITARIO DE XADREZ LOSTREGO
Venres 20 de novembro ás 21,00 na plataforma chess.com
Trofeo para o mellor xogador.

E semella que foi non hai tanto, pero do baul das fotos perdidas de google ademais da que ilustra o torneo de hai 10 anos no Campionato de España, sacamos outra un pouco menos vella con Pablo Furelos, hoxe xa na UDC e novo presidente de INCUDE.

12/11/20

David Pérez gaña o primeiro torneo do circuito.

O pasado venres comezou o Circuito Torneos de Outono. 
Seguiremos varios venres ata final de ano ás 21,30 horas na plataforma Chess.com.
Son torneos suizos a cinco roldas e cinco minutos. 
Disputaranse os venres 6, 13 e 27 de novembro e 4, 11 e 18 de decembro. 

Esta foi a clasificación do torneo do pasado venres:



A ligazón para o Torneo do día 13: https://www.chess.com/play/tournament/1709264